Música
Ezetaerre

Sábado 23
| Explanada de Riazor | 18:00

Ezetaerre é un grupo de rap combativo en galego integrado por Pedro (Petrowski), Miguel (Garchu) e Juan (Pirola). Formados no 2016, convertíronse, axina, na gran revelación da música galega. Todo comezou cun tema en clave humorística, gravado na facultade de audiovisuais da Coruña…

Ezetaerre está cheo de referencias políticas e culturais, cuns ritmos melódicos e eclécticos afastados do rap máis convencional. Coa combatividade por bandeira e coa clara convicción de poñer a música ao servizo da xente.

Estes ideais materializáronse en pouco tempo nunha maqueta homónima e no seu primeiro disco: Aspiracións mínimas e urxentes. Toda unha declaración de intencións: “temos un pasado do que sentirmos orgullosas e agora tócanos mover ficha”.

Ezetaerre formouse coa vontade de utilizar a música como ferramenta, sempre coa clara intención de mudar a nosa realidade. “Sabemos que temos todo un mundo que cambiar e que a cultura, paso a paso, é unha das trincheiras que hai que conquistar. Seguiremos dignas, humildes e solidarias. Seguiremos facendo música para o pobo, na lingua do pobo”.

En Novembro de 2017 presentan 100 (Cen): un maxi single de tres temas coa colaboración de Banda Bassotti e que suporá un novo paso adiante e a constatación de que Ezetaerre será unha das bandas de referencia do hip hop máis combativo.