SAN XOÁN SUSTENTABLE

A festa de San Xoán, a nosa Noite Meiga do lume, as sardiñas, as cachelas, os barrios, a praia e o mar. Queremos unha noite de celebración e maxia que se desenvolva do xeito máis sustentable posible, con respecto á contorna, ás nosas praias, ás nosas árbores, aos nosos parques...

MAREAS VIVAS

E este ano, na noite de San Xoán teremos mareas vivas. O que non recollamos, o que quede na praia, acabará no noso mar e logo volverá ás nosas costas. Pola seguridade das persoas nin as máquinas nin os servizos de limpeza poderán baixar a tempo á area para evitalo. De feito este ano os puntos de recollida de lixo non estarán na praia, senón no paseo marítimo para evitar que os leve o mar!

TODO... as bolsas, as botellas, os restos da festa...TODO

Somos unha cidade atlántica, orgullosa de selo. Amamos o mar, coñecemos ben as mareas. Este San Xoán, só a túa axuda e colaboración conseguirá salvar o que é de todas e todos.

Xa o sabes: goza, ri, baila, salta as fogueiras... e coida da praia. É túa. É nosa.


SAN XOÁN É COUSA DE FESTA…
E DE COIDADO!
1) Coidado coas mareas vivas.
Este ano haberá que abandonar cedo a praia . Bota unha ollada antes de marchar, esa bolsa de plástico, esa botella… van terminar no mar se non a recolles.
2) Coidado coas distancias.
Polo menos, a 20 metros das árbores. E arredor de cada fogueira, un espazo libre de 5 metros.
3) Coidado co que é de todos e todas.
Respecta os contedores, o mobiliario e as instalacións urbanas.
4) Coidado co que queimas.
Non botes plásticos, cauchos, rodas, colchóns nin calquera produto ou obxecto inflamable.
5) Coidado cos teus residuos.
Evita os materiais dun só uso e elixe os reciclables. Non deixes na area nada do que baixaches. Hai contedores accesibles. O vidro non está permitido!
6) Coidado cos seres vivos.
As árbores e a vexetación en xeral. Son seres vivos, e tamén patrimonio da cidade. Non pendures neles cadros eléctricos, altofalantes, carteis, etc.
7) Coidado con…
A area e o mar non son lugares para aliviar a túa vexiga. No caso do mar, é moi perigoso. No caso da area, durante o resto do verán xente de todas as idades van pasar moitas horas nela.
8) Coidado ao rematar a festa.
Cando remate a festa o lume deberá quedar absolutamente apagado. Asegúratede que non quedan baixo as cinzas brasas ou rescoldos acesos.
9) Coidado co planeta.
A Noite Meiga é -sempre foi- unha festa de celebración da natureza. Comprométete e colabora coa defensa do noso patrimonio cultural e natural!

FACER UNHA FOGUEIRA
ONDE PODO?

Onde o teu sentidiño che indique que non hai perigo ningún. Nin para ti, nin para quen vaia estar de festa contigo, nin para o patrimonio público ou particular, nin para o noso patrimonio común, xa sexa cultural ou ambiental. Á menor dúbida, mellor buscar outro lugar, non vaia ser.

ONDE NON?

Onde vivan árbores ou vexetación ou vexas que pode haber risco para a xente ou para o patrimonio. Por exemplo:
x Campos arredor da Torre de Hércules e contorna vexetal da Praia das Lapas.
x Nas zonas de árbores como as de San Pedro de Mezonzo, do barrio das Flores, praza de Monforte, Campo da Leña, Campo de Marte, só por mencionar algunhas…
x Praza das Bárbaras
x Parque de Santa Margarida
x Xardíns de Méndez Núñez

Máis información no bando municipal


MAPA DE RECOLLIDA E REPARTO DA LEÑA

Usa a leña posta ao teu dispor e lembra que non podes usar madeira con puntas, mobles, etc.


PRAIAS VIVAS

Este ano haberá dous proxectos pilotos que queren demostrar que un San Xoán diferente pode ser tamén divertido. As praias do Matadoiro e unha parte de Riazor convertiranse en Praias Vivas. Temos un obxectivo: LIXO 0 neste espazo cando remate a festa. Se tes un compromiso cos residuos Praia Viva e o teu proxecto para este San Xoán!!

Anímate e participa das Praias Vivas, espazos de troula e lumieiras compatibles cun entorno e contorna vivos e onde os coidados está no centro das relacións entre as persoas e o entorno. As Praias Vivas contarán con persoal de apoio que informará e procurará o compromiso das persoas que vos animedes a ocupalas, co-responsabilizándonos en manter a praia viva e coidada durante a noite máxica de San Xoán.

Para máis informacion segue as rrss da Concellería de Medio Ambiente
@CorunaSostible Facebook.com/CorunaSostible


MÓLLATE!

Este ano celébrase a segunda edición de Móllate!,un conxunto de accións de sensibilización medioambiental pensadas, deseñadas e protagonizadas polo alumnado de diferentes centros da cidade.

Queremos un San Xoán máis limpo e levamos semanas con accións na cidade, viches a Fonte dos Surfistas cuberta de plásticos? E a peixería futurista polas rúas da cidade e no Mercado da Praza de Lugo? E os carteis? E os vídeos? Escoitaches as cuñas de radio? Mollate! é isto e moito máis: é a xente do mundo do surf preocupada polo mar que tamén colaboran connosco, as placeiras e placeiros dos Mercados que non queren ver morrer a súa forma de traballo, é o profesorado que sensibiliza nas súas clases ata chegar a máis de 300 persoas que queren contarte que nas túas mans está que esta situación cambie.

E Móllate! es ti, tamén podes participar e formar parte do noso Comando Móllate,  só tes que seguir estes pasos:

  • 1. Pensa unha acción, que condensada nunha imaxe ou nun texto axude ambientalmente á Festa do San Xoán (se é coas ondas  azuis, mellor).
  • 2. Fai a fotografía e incorpóraa as túas redes sociais cos hashtags #mollate #sanxoán2017
  • 3. Espalla a idea, anima os teus círculos sociais e familiares a que se sumen.


E cóntalle a todo o mundo o importante é que nos concienciemos sobre un San Xoán sustentable!

Toda a información nas redes do Concello
www.facebook.com/corunasostible


PROCESO DE MÓLLATE!

Móllate! busca concienciar e sensibilizar a mocidade e a cidadanía xeral sobre a importancia de ter unhas praias limpas, concentrando a súa acción durante a festa do San Xoán. Levamos meses traballando con centros escolares da cidade mostrando a importancia dos mares nas nosas vidas. Con toda a información chega o momento da reflexión e investigación pola conta propia: o alumnado xunto ao seu profesorado comezan a traballar, que podemos facer nos? Moito, de verdade.

Destes grupos de reflexión naceron as ideas propostas a Concelleria de Medio Ambiente da Coruña: vídeos, accións de rúa, cuñas de radio, locucións na praia... Toda unha campaña de comunicación deseñada polo alumnado da cidade!

O ano pasado formamos o primeiro comando Móllate! Este ano repetimos, ti podes facer moito na túa contorna, fala con teus amigos e familia, saben xa que de seguires así no ano 2050 podería haber máis plásticos no mar que peixe? Non queremos sardiñas de plástico no futuro, agora podémolo cambiar!! Comeza no San Xoán e continúa contribuindo á sustentabilidade do planeta todo o ano.

No 2050 haberá máis plásticos que peixe no mar.
Para que as sardiñas de San Xoán non sexan coma estas,
coida a praia.