SAN XOÁN SUSTENTABLE

Outro San Xoán é posíbel. Un no que o mar non padeza as consecuencias da festa. No que as nosas praias non esperten cheas de plástico e lixo. Un San Xoán diferente, divertido, alegre, sustentable e de todas.

Para logralo, como todos os anos, necesitamos a colaboración de toda a veciñanza: nos últimos 4 anos reducimos nun 45% o lixo nas praias. E aínda podemos máis. Somos quen. Loitamos contra o lixo nos areais e gañaremos a batalla da contaminación.

A Coruña é unha cidade atlántica, amamos o mar, coñecemos ben as mareas. Chegou o momento de comprometerse para salvar o que é de todas. Este ano, goza, ri, baila, salta as fogueiras... e coida da praia. É túa. É nosa.


MAPA DE RECOLLIDA E REPARTO DA LEÑA

CÓDIGO DE CONDUTA AMBIENTAL
PARA A NOITE MEIGA

Todas e todos debemos contribuír esa noite dando exemplo e tentando que as persoas do noso arredor fagan o mesmo.

Como conseguilo? Con coidado!

1) Coida de todos: non baixes palés á praia.
Os palés deixan cravos na area durante todo o verán, e son un grave perigo para a natureza e a saúde das persoas.
2) Coidado coas distancias.
Polo menos, a 20 metros das árbores e 5 metros arredor de cada fogueira.
image/svg+xml lantern lantern 3) Coidado cos farolillos.
Son bonitos pero non son unha boa idea. Pérdense, contaminan e poden provocar lumes.
4) Coidado co que queimas.
Non botes plásticos, cauchos, rodas, colchóns nin calquera produto ou obxecto inflamable.
5) Coidado cos teus residuos.
Elixe materiais reciclables e usa sempre os contedores. O vidro no está permitido!
6) Coidado cos seres vivos.
As árbores e a vexetación en xeral. Son seres vivos, e tamén patrimonio da cidade. Cóidaos!
7) Coidado con…
A area e o mar non son lugares para aliviar a túa vexiga. O mar é moi perigoso, e durante o resto do verán xente de todas as idades van pasar moitas horas na area.
8) Coidado ao rematar a festa.
Cando remate a festa o lume deberá quedar absolutamente apagado. Asegúrate persoalmente de que non quedan baixo as cinzas brasas ou rescoldos acesos.
9) Coidado co planeta.
A Noite Meiga é -sempre foi- unha festa de celebración da natureza. Comprométete e colabora coa defensa do noso patrimonio cultural e natural!

FACER UNHA FOGUEIRA
ONDE PODO?

Onde o teu sentidiño che indique que non hai perigo ningún. Nin para ti, nin para quen vaia estar de festa contigo, nin para o patrimonio público ou particular, nin para o noso patrimonio común, xa sexa cultural ou ambiental. Á menor dúbida, mellor buscar outro lugar, non vaia ser.

ONDE NON?

Onde vivan árbores ou vexetación, ou vexas que pode haber risco para a xente ou para o patrimonio. Por exemplo:
x Campos arredor do Espazo Natural de Interese Local da Torre de Hércules e contorna vexetal da Praia das Lapas.
x Nas zonas de árbores como as de San Pedro de Mezonzo, do barrio das Flores, praza de Monforte, Campo da Leña, Campo de Marte, só por mencionar algunhas…
x Lugares de especial valor natural e cultural como a Praza das Bárbaras, o Parque de Santa Margarida, os Xardíns de Méndez Núñez…


PRAIAS VIVAS NO ORZÁN,
MATADOIRO E RIAZOR

Espazos de troula compatibles cunha contorna viva e onde os coidados están no centro.

Este ano volve o proxecto Praias Vivas que demostra que un San Xoán diferente pode ser tamén divertido. As praias do Matadoiro e unha parte de Riazor e Orzán converteranse en Praias Vivas, con actividades para todas as idades, onde prestaremos unha importancia especial ao coidado da praia e das persoas.

Estás convidado, estás convidada! Ven e participa construíndo praias vivas de verdade.

Segue as redes de @corunaSostible para máis info!

Entre todas, temos que recuperar San Xoán, conseguir que sexa sustentable e respectuoso co noso patrimonio histórico, natural e cultural. Pero isto só o podemos conseguir coa colaboración de todos e todas. Queres participar? Aquí tes varias accións e propostas para facelo:

Ti tamén podes colaborar

Volve o Comando Móllate en 2019! Ti podes facer moito na túa contorna: fala coas túas amizades e familia da importancia de coidar das praias esa noite. Contamos contigo: só co compromiso da cidade toda poderemos lograr un San Xoán máis limpo e responsable.

Querémolo facer mellor aínda: comeza a actuar no San Xoán e continúa contribuíndo á sustentabilidade do planeta todo o ano.

Praias Vivas no Orzán, Matadoiro e Riazor

Este ano volve o proxecto Praias Vivas que demostra que un San Xoán diferente pode ser tamén divertido. As praias do Matadoiro e unha parte de Riazor e Orzán converteranse en Praias Vivas, con actividades para todas as idades, onde prestaremos unha importancia especial ao coidado da praia e das persoas.

Estás convidado, estás convidada! Ven e participa construíndo praias vivas de verdade.

Non baixes palés á praia!

Sabes cantas puntas de ferro leva cada palé? Máis de 60. Imaxina todos eses cravos espallados pola area durante todo o verán: o dano que pode facer iso ao noso medio ambiente, pero tamén ás persoas que gozan das praias.

Lembra que o Concello porá ao teu dispor madeira non contaminante: este ano, evita os palés!

Non deixes a praia sementada de cravos

Toda a información nas redes do Concello e na web de Móllate!
www.facebook.com/corunasostible
mollate.coruna.gal


OLLO COS FAROLILLOS!

Son moi bonitos, xa… sobre todo cando caen ao mar ou prenden as árbores. Non, os farolillos non son unha boa idea para celebrar San Xoán. Pérdense e contaminan ademais de ser un risco xa que provocan lumes non controlados, polo que deixa os farolillos na túa casa. Hai millóns de opcións para celebrar San Xoán sen ensuciar nin poñer en perigo a ninguén.

Descarga as recomendacións de Móllate! e coñece todo o que podes facer por un San Xoán sustentable